
Como cada primavera, abre a campaña de Auditoría / Balance Social da Economía Social e Solidaria, que este ano chega cunha importante novidade: estreamos unha nova plataforma tecnolóxica para mellorar a experiencia de uso.
Entre as principais novidades atoparedes una navegación máis intuitiva, maior estabilidade e velocidade de funcionamento, así como unha infraestrutura técnica reforzada para responder mellor durante os momentos de maior participación en campaña. Ademais, a nova plataforma supón tamén un paso adiante en coherencia tecnolóxica para a ESS: foi desenvolvida integramente en software libre e o seu código está dispoñible en aberto.
Lembrámosvos que a Auditoría Social é unha ferramenta clave para visibilizar e avaliar aspectos como a democracia interna, a equidade, a sostibilidade ambiental, o compromiso social, a calidade laboral ou o uso de finanzas éticas. Máis alá da recollida de datos, é tamén un exercicio colectivo de transparencia e transformación que fortalece as nosas prácticas.
Animámosvos a participar un ano máis e a seguir mostrando, colectivamente, o impacto positivo que xera a Economía Social e Solidaria nos nosos territorios e comunidades.
ANTES DE COMEZAR:É moi recomendable botarlle unha ollada a: → TITORIAL DE NAVEGACIÓN→ GUÍA DE PREGUNTAS→ GUÍA DE PREGUNTAS PARA PERSOAS AUTÓNOMAS→ VÍDEO-TITORIAL DA PRESENTACIÓN PRÁCTICA DA NOVA PLATAFORMA (Novidades, dúbidas frecuentes e paso a paso do proceso)COMO COMEZAR:→ Entra na Plataforma Ensina o Corazón aquí.Se tes participado outros anos, posto que a ferramenta é nova, deberás restablecer o contrasinal rexistrando como usuaria o correo-e da entidade e solicitando “recuperar contrasinal”. → Informe en PDF cos resultados. |
Para calquera consulta podedes contactar con REAS Galiza en galiciaauditoriasocial@reas.red ou escribir á coordinación xeral de REAS RdR a ensenaelcorazon@reas.red.
Tamén podedes atopar toda a información desta ferramenta de medición do impacto de referencia para empresas transformadoras na web.
Lembra que a campaña está aberta ata o 10 de setembro, non quedes fóra, que ensinar o corazón é máis doado ca nunca!
