Venres 10 de abril de 2026 | Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago

REAS Galicia realizou o evento Da utopía á realidade, un encontro presencial que xuntou a persoas do ámbito educativo, da cooperación, do terceiro sector e outras entidades da economía social e solidaria, xerando un espazo de encontro, reflexión e creación de lazos de confianza.
“Somos un feixe de persoas que non estamos moi conformes con que para gañarnos a vida teñamos que destruír o planeta, xerar relacións económicas inxustas ou contribuír a unha estrutura capitalista que nos ven de volta como unha agresión.”
Ana Lorenzo. Presidenta de REAS Galicia.
A xornada, que se revelou como un acto de honestidade e de afirmación política fronte ao social washing, tiña como meta poñer en valor o modelo da ESS en relación cos retos da Axenda 2030 e cos obxectivos de desenvolvemento sostibles; identificar retos e oportunidades para o seu recoñecemento, explorar como medir e comunicar o impacto real da ESS, fortalecer a transparencia e a xeración de confianza no sector, poñer en valor a auditoría social e construír sinerxías e compromisos en Galicia.
“A Axenda 2030 apela a esa necesidade de atender por igual as tres dimensións que serían a económica, a ambiental e a social, e non se pode priorizar ningunha sobre as demais.”
Eba Armendariz. Economistas Sen Fronteiras.
Consulta o programa completo da xornada aquí.
Dende as 10.00 horas da mañá ata o mediodía, as persoas asistentes puideron participar de mesas que puxeron o foco na necesidade de visibilizar a ESS, levala ao ámbito educativo e reforzar o seu papel como alternativa ao modelo económico actual, integrando dimensións sociais, ambientais e económicas. Tamén se subliñou a importancia de medir e comunicar mellor o seu valor para gañar recoñecemento social e institucional. Ana Olveira, de Espazo Coop, salientou neste senso que as políticas da ESS sexan transversais a todas consellerías e departamentos para así garantir o cumprimento real de todos os seus obxectivos e principios.
Neste sentido, Susana Ortega de REAS Red de Redes destacou o labor da Auditoría Social coma unha ferramenta de medición estable, replicable e estatisticamente robusta e que permite que as entidades, cada ano, amosen o seu corazón.
“Debemos pelexar para que a Auditoría Social entre como calquera outro selo nos servizos de contratación pública; é unha cuestión de xustiza e recoñecemento para as que facemos as cousas ben dende o regulamento interno e non dende o talonario.”
Laura Vidal. Dalle que Dalle, Sociedade Cooperativa Galega.
Pola tarde a proposta converteuse nun laboratorio de innovación a través do “Atlas Coletivo” e dos grupos colaborativos simultáneos. Ambas as dúas actividades permitiron facer unha aproximación e análise da Auditoría Social dende unha mirada de inclusión e correlación cos ODS. REAS Galicia aproveitou para analizar, xunto con outras entidades, a experiencia piloto do selo de garantía da ESS no noso territorio. Trátase dun sistema de transparencia e recoñecemento para a sociedade e para a administración pública co fin de fomentar un consumo responsable e facilitar a contratación pública. Estes exercicios valeron para extraer fortalezas e limitacións da medición actual no contexto galego, adaptadas ao rural e á diversidade de sectores existentes. Os valores e principios de cooperación co territorio, a sustentabilidade, o traballo digno e a inclusión estiveron presentes ao longo desta xornada.
No final da xornada recolléronse os resultados dos grupos de traballo que viñeron a destacar a importancia da Auditoría Social como unha ferramenta estratéxica que vai máis alá da medición e que permite ás entidades pertencentes á ESS poñer en valor o seu traballo diario. REAS Galicia aposta por seguir impulsando este proceso mediante a creación dun grupo de traballo específico e o seu vínculo coa Axenda 2030.
Este encontro serviu para reforzar e seguir a construír comunidade da ESS, motivar as persoas participantes e facer visible que medir o impacto é a chave para existir.
“Faise necesario, pero tamén moi urxente, buscar outras formas de organizar a economía , a sociedade e a sustentabilidade da vida. A ESS danos unha folla de ruta clara para conseguilo.”
Raquel Calleja. Técnica de REAS Galicia.



