
REAS Galicia, no marco do proxecto “Recoñece a ESS”, celebrará o próximo 10 de abril un encontro presencial que xirará en torno a Economía Social e Solidaria como motor de cambio cara un futuro alternativo.
O encontro, chamado “Da utopía á realidade”, terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e reunirá a entidades, profesionais e persoas vinculadas á economía social, ao desenvolvemento sostible e á medición de impacto e que xa están a impulsar solucións e transformando realidades dende a práctica. Dentro dos obxectivos principais do evento, como están os de construír dende o colectivo, fortalecer alianzas entre entidades, poñer en valor a Auditoría Social e visibilizar a contribución da ESS á Axenda 2030 e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A xornada arrancará ás 10.00 horas cunha presentación institucional a cargo de Ana Lorenzo Vila, Presidenta de REAS Galicia e Xoán Ramón Doldán García, Decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago.
Raquel Calleja Grande, de REAS Galicia, presentará o proxecto e unha xornada que comezará cunha mesa de debate sobre a Economía Social e Solidaria como alternativa de futuro fronte as crises globais. Nela participarán Eba Armendáriz Echániz (Economistas Sin Fronteras), Isabel Vilalba (Sindicato Labrego Galego) e Xosé Cuns Traba (EAPN Galicia).
Susana Ortega (REAS Red de Redes), Ana Oliveira (EspazoCoop), Claudia Rodríguez (Alén S. Coop. Galega) e Laura Vidal (Dalle que Dalle S. Coop Galega) abordarán o reto da transparencia e a medición do impacto da economía social nos ODS a través de ferramentas como a auditoría social.
Pola tarde a xornada transformarase nun laboratorio onde a través de grupos de traballo se seguirán a propor alternativas de futuro. Dinamizarán os grupos colaborativos Susana Ortega de Paula Gorini de Reas Red de Redes e Laura Vidal Bralo de Dalle que Dalle Coworking.
A través desta iniciativa, REAS Galicia segue a traballar na posta en valor da economía social como alternativa que crea riqueza ao poñer as persoas no centro, ao planeta e a sostibilidade da vida.
O encontro está aberto á participación de todas aquelas persoas ou entidades interesadas en construír un futuro máis equitativo e sostible. Poden anotarse entidades públicas, persoal técnico, responsables políticos, entidades e organizacións vinculadas ou afíns á ESS e persoas e público en xeral con interese en construír novos modelos de desenvolvemento.



