Que é a auditoría social?
A auditoría social é unha ferramenta práctica que permite medir o noso impacto social, ambiental e de bo goberno. É, ademais, un mecanismo de rendición de contas para que as entidades de ESS se avalíen de forma sistemática e obxectiva. Posibilita medir unha serie de indicadores sobre seu funcionamento, filosofía e prácticas, que responden aos seis principios fundamentais da ESS:
Equidade · Traballo digno · Sustentabilidade ecolóxica · Cooperación · Repartición xusta da riqueza · Compromiso coa contorna
A auditoría social é un proceso voluntario, de autoavaliación, de reflexión, aprendizaxe e mellora orientado á transparencia e rendición de contas cara dentro e fóra das organizacións.
Para que serve?
As entidades e organizacións poden:
- Avaliar o compromiso cos principios da ESS.
- Fortalecer a comunicación e a transparencia cara dentro e fóra da organización.
- Ser recoñecidas dentro do sector, polas administracións e pola cidadanía.
- Fortalecer a coherencia cos valores, reforzando o perfil ético, social e político da entidade.
- Inspirar e motivar mediante o intercambio de boas prácticas.
O sector da ESS pode no seu conxunto:
- Ter unha visión global das nosas fortalezas e debilidades.
- Contribuír ao fortalecemento e articulacion da ESS a través do recoñecemento mutuo.
- Mellorar a incidencia política, poñendo en valor as prácticas sectoriais.
Como facela?
Se es socia de REAS Galicia ou unha iniciativa afín aos valores da ESS, este proceso é para ti!
Nesta ligazón indícanse todos os pasos para facelo.
*Se é a primeira vez, terás que te rexistrar e solicitar a alta. Unha vez solicitada a alta, recibirás un correo coa aceptación da mesma e o nome de usuaria e contrasinal.
*Se xa estás dada de alta, o teu nome de usuaria é o correo electrónico que empregaches no rexistro. Se non lembras o contrasinal, pulsa “Recuperar contrasinal”.
2. CUBRE O CUESTIONARIO
Unha vez completado o proceso de acceso á plataforma, xa podes empezar a introducir as respostas.
Lembra que podes consultar as guías de axuda para responder ás preguntas, tanto para entidades como para persoas autónomas, orientadas a facilitar o proceso, mais tamén podes solicitar acompañamento personalizado de apoio, tanto no rexistro da plataforma coma para completar o cuestionario. Se tes dúbidas ou precisas máis información contacta connosco.
3. PECHE DO PROCESO E VALIDACIÓN
Unha vez completado o cuestionario e pechado o proceso, procederemos a revisar os datos e contactaremos contigo se existe algunha incidencia. Ao rematar cada campaña anual de Auditoría Social poderás descargar os teus resultados, recibirás unha infografía visual da avaliación e un distintivo de participación, para compartir na web e/ou redes socias.
Ademais de realizar a auditoría podes implicarte tamén en construír e impulsar esta ferramenta podes participar no grupo de OSD_ESS en acción. Temos as mans abertas para falar de indicadores, avaliación, vinculación cos ODS e medición de impacto.
Cando facela?

A campaña para facer Auditoría Social comeza no mes de maio e remata no mes de setembro de cada ano. Prestade atención ás próximas datas!